Loading

EXPERIMENTUM CRUCIS Presentación da serie que podes atopar en www.anxodafonte.com/experimentum-crucis

Pode soar a tópico, coma moitas das cousas que se din cando se fala a nivel persoal no mundo da Fotografía, pero no meu caso é unha verdade que axuda tamén a definirme coma fotógrafo.

De neno gustábame debuxar e pintar, coma a case calquera neno, e tampouco podo dicir que se me daba mal. Tamén tiña a capacidade de contar historias e de escribilas. O resultado de mesturar esas dúas cualidades miñas era a produción de pequenas bandas deseñadas e de relatos ilustrados por min mesmo cunha calidade que adoitaba gustar prá idade que tiña daquela... aínda que soe a soberbia ou que non sexa eu quen debera dicilo, así era.

A pesar de que na familia detectaron ese potencial, ningún pensou xamais en guiarme cara unha carreira artística e empurráronme a estudar algo máis técnico; en parte supoño que alentado por un medo a unha vida bohemia á que a pesar de todo rematei derivando... e pra mal!

Pero cando a un o desprazan do seu lugar, no que o convirten é nun infeliz e ineludibelmente está destinado ó fracaso. Obviamente, o que tiña que acontecer foi o que pasou e convertinme no Don Ninguén que agora son: unha mente creativa á que no seu día lanzaron polo váter e ante o temor de que puidese volver a flotar, baleiróuselle a cisterna polo menos dúas ou tres veces.

Con todo, aquí estou de novo e coma iso de debuxar debeuseme quedar nunha lonxana estación que non consego atopar de novo e, aquí tamén axuda a pereza e a desidia, non me queda outra que tentalo a través das ferramentas que mellor domino e que confeso son as que a día de hoxe máis me gustan usar.

Así foi coma naceu esta serie que agardo vaia adquirindo algunha forma co tempo. Por suposto, o título deberíache soar porque non deixa de se-la miña pequena e humilde homenaxe ó gran Isaac Newton que moito antes ca ti e ca min experimentaba coa luz e coas cores dun xeito que por moito que o tentemos, non chegaremos sequera a atrevermos imitar. Se te ves co ánimo pra elo, crávate unhas agullas nos ollos e presiónate os globos oculares coa finalidade de experimentar e estudar coma afecta dita presión a túa percepciónda luz e das cores... e logo cóntasmo!

O caso é que a pesar de sentirme moi lonxano a Newton, a través desta serie agardo amosarvos algúns experimentos que irei facendo coa miña cámara e coa luz.

Grazas por visitar esta intro. Agardo que che guste e que segas volvendo de cando en vez e visites a serie completa na miña web.
Created By
Anxo Dafonte
Appreciate

Credits:

©️ Anxo Dafonte, 2022